apresentación

mapa situación locais Cooperativa

productos

lexislación

ligazons

 

O COMPOST
1-O solo e a sua matéria orgánica.
2-¿Que é o compost?.
3-O proceso da compostaxe.
4-A relacción Carbono/Nitróxeno e outros parámetros.
5-Sistemas de compostaxe.
6-A autocompostaxe.
7-A vermicompostaxe.
8-¿Qué tipo de resíduos se poden autocompostar?.
9-Aplicación do compost na agricultura.
10-Bibliografia.
1-O SOLO E A SUA MATÉRIA ORGÁNICA.

	O solo é o resultado da interacción do clima, e dos seres vivos sobre o
material xeolóxico da terra. Está composto de material xeolóxico disgregado
(terra), matéria orgánica en descomposición, aire, auga e unha miríada de seres
vivos (insectos, raices das plantas, fungos vermes, bactérias, etc).
	Estes elementos están intimamente misturados entre si, formando un sistema que
evoluciona cara unha maior complexidade, puidendo sufrir episódios regresivos
como: erosión, falta de nutrintes, contaminación, etc.
	A matéria orgánica do solo aparece en porcentaxes moi variables e ten grande
importáncia na mellora das suas propiedades físicas e químicas para o
desenvolvemento das plantas. Está composta por restos de plantas e de animais. A
matéria orgánica é consumida polos organismos detrictívoros que a utilizan para
obter matéria e enerxia.
	O humus constitue o 85-90% do total da matéria orgánica do solo. Forma-se por
un proceso no que teñen lugar unha complexa série de reaccións químicas. As suas
principais propiedades e funcións son:

-Favorece a absorción dos raios solares debido á sua cor escura e polo tanto
provoca un aumento da temperatura.

-Favorece a aireación e a drenaxe da terra ao misturar-se con arxilas e formar
agregados que melloran a estructura do solo.

-Retén a humidade actuando como unha esponxa. Polo tanto prevén a erosión.

-Mellora e aumenta a dispoñibilidade dos nutrintes. Retén os distintos nutrintes
(Mg, Ca, K, Na, etc) por atraccións electrostáticas. É dicir, aumenta a
capacidade de cámbio dos solos.

-Sirve de soporte a multitude de microorganismos. A sua actividade proporciona
ás plantas parte dos nutrintes que necesitan.


2-¿QUE É O COMPOST?.

	A palabra compost provén da latina componere, que significa reunión. É dicir,
que fai referéncia ao conxunto de restos orgánicos que sufren un proceso de
fermentación. Teñen unha cor marrón escura como a da turba que se vende en
xardineria.
	O compost madurado e seco é estable despois do proceso de fermentación, ata que
se reincorpora de novo ao solo. O compost está composto esencialmente por
matéria orgánica e nutrintes como N, P, K e outros oligoelementos necesários
para as plantas como Fe, Mn, Zn, B, Mb, Cu, etc.
	A actividade biolóxica do solo ve-se favorecida porque contén , o compost, unha
cantidade considerable de microorganismos que sintetizan vitaminas, hormonas,
etc.
	O compost aumenta a Capacidade de Intercámbio Catiónico do solo (CIC),
contribue a estabilizar a estructura dos seus agregados aumentando a capacidade
de retención de auga a mellorando a porosidade e infiltración desta no solo.
Reduce pois, a escorrentia superficial evitando deste xeito a erosión.


3-O PROCESO DA COMPOSTAXE.

 	É un proceso bioquímico aeróbio realizado principalmente por bactérias e
fungos, e en menor medida por actinomicetos e outros microorganismos. Tamén
poden realizala macroinvertebrados como as miñocas, en tal caso falaremos de
vermicompostaxe.
	A compostaxe é unha versión acelerada de fermentación que se produce na
follasca dos bosques de xeito natural. Para que se forme compost é necesária
unha masa crítica e unhas determinadas condicións de aireación e humidade.

	A compostaxe consta das seguintes fases:

1-Fase de laténcia e crecemento: Os microorganismos adaptan-se ao novo médio e
comezan a multiplicar-se. Esta fase dura de 2 a 4 dias e ao final acadan-se
temperaturas que poden superar os 50 ºC.

2-Fase termófila: Os microorganismos mesófilos van sendo substituidos por outros
termófilos. A temperatura situa-se entre 50-70 ºC polo que os microorganismos
patóxenos, larvas, e sementes precen por estrés térmico.
	Este proceso pode durar entre unha semana e dous meses según se trate de
sistemas acelerados ou de fermentación lenta. Debe vixiar-se nesta fase tanto
unha correcta pasterurización como unha excesiva mineralización.

3-Fase de maduración: É un periodo de fermentación lenta. Os microorganismos
termófilos diminuen e aparecen outros como os fungos (os basidiomicetos degradan
a lignina, os actinomicetos a celulosa, etc).
	Nesta fase a partir de compoñentes orgánicas sintetizan-se colóides húmicos,
hormonas vitaminas, antibióticos e outros compostos que favorecerán o
desenvolvemento vexetal. Se a fermentación ten lugar por riba do nível da terra
poden penetrar miñocas na masa , o que acelera o proceso.

4-A RELACCIÓN CARBONO/NITRÓXENO E OUTROS PARÁMETROS.

	o Carbono e o Nitróxeno son dous elementos esenciais para a nutrición de
calquera organismo e deben subministrar-se nunha proporción axeitada para unha
boa fermentación.
	Se os resíduos que dispomos teñen demasiado C o proceso de fermentación será
lento e as temperaturas non subirán suficientemente e perdera-se o exceso de C
en forma de dióxido de carbono.
	Se polo contrário os resíduos teñen demasiado N  produciran-se perdas deste
elemento en forma de amoníaco (NH3).
	Os valores óptimos de C/N deben estar entre 25 e 35 para que poida dar-se unha
boa fermentación. Durante o proceso da fermentación producen-se perdas de
Carbono en forma de CO2, polo que a relacción C/N irá diminuindo ata acadar un
valor entre 12 e 18. Se o valor final é inferior supon-se que o compost se
mineralizou excesivamente e se é moi alto indica que non se descompuxo
suficientemente.
	É importante o tamaño de partícula do material de partida. Un tamaño pequeño
supón maior superfície de ataque e polo tanto fermentacións máis rápidas e
homoxéneas. Se o tamaño das partículas é excesivamente pequeño pode compactar-se
demasiado a matéria orgánica e impedir unha correcta aitreación.
	A aireación é necesária para que a fermentación que teña lugar sexa aeróbia. Se
se produce unha fermentación anaeróbia ocasionan-se sensibles perdas de Carbono
e Nitróxeno e poden producir-se malos cheiros e baixas temperaturas.
	A humidade óptima inicial é do 50% en peso, ao final deberá baixar ata un
30-40%. a falta de humidade reduce a actividade microbiana e baixará a
temperatura e paralizara-se a fermentación. Se a humidade é excesiva pode
provocar fermentacións aneróbias porque dificulta a difusión do aire.
	O pH xa é un factor de importáncia secundária xeralmente é lixeiramente ácido
ao princípio (preto de 6), neutro cara a metade do proceso e levemente alcalino
ao final . Os valores alcalinos (7 ou 8) poden provocar perdas de N en forma de
amoníaco.


5-SISTEMAS DE COMPOSTAXE.

Podemos clasificar os distintos sistemas de compostaxe según o volume do
material que queiramos compostar e o tipo dos materiais compostables.
	En canto ao volume do material, podemos dispor de apenas uns poucos Kgs ao dia
ata centos de toneladas de matéria orgánica, no caso dos xestores de resíduos
municipais.
	Para realizar a compostaxe das pequenas cantidades de matéria orgánica que se
producen no fogar, podemos realizar autocompostaxe usando para isto uns
compostadores caseiros que se poden instalar no xardín ou na horta da casa. Se
non dispomos de xardín ou horta ou un espazo similar onde poidamos depositar o
compost, ou se non temos tempo de efectuar estas experiéncias de autocompostaxe
entón o que facemos é darlle a matéria orgánica ao xestor de resíduos do noso
concello.
	Para grandes cantidades de resíduos orgánicos existen unhas instalacións
denominadas “plantas de compostaxe” que son capaces de producir grandes
cantidades de compost de xeito industrial e optimizando todos os procesos e o
tempo necesário para producir o compost. Estas plantas poden estar totalmente
automatizadas co que se quere asegurar que o compost obtido teña a máxima
calidade.
	Existen plantas de compostaxe de moi variada tecnoloxia e funcionamento. Poden
compostar-se directamente os Resíduos Sólidos Urbáns sen separar a matéria
orgánica do resto das compoñentes do lixo. A tendéncia xeral en Europa
orienta-se cara a producción dun compost de calidade, só composto de materiais
fermentables. Polo tanto, se separamos a matéria orgánica , no noso fogar, do
resto dos resíduos, obtemos un compost axeitado para moi diversos usos como:
xardineria, agricultura, recuperación de solos erosionados e incluso pode ser
usado como acondicionador do solo en plantacións forestais.
	Actualmente tanto a lexislación da Unión Europea como a do estado español
priman a compostaxe industrial con separación no fogar, sobre a compostaxe
industrial coñecida como “todo un”. En Galiza nestes intres xa se está
construindo unha planta de compostaxe, con separación no fogar, na cidade da
Coruña que atenderá a unha povoación de preto de 250.000 habitantes. Outra
planta de similares características está en proxecto, abrangueria parte das
comarcas do Barbanza e de Muros-Noia. En fase de estudo prévio, tamén plantas de
compostaxe con separación, están os governos municipais das cidades de Santiago
de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo.
	Na cooperativa Terra optamos, en princípio pola elaboración do noso próprio
compost a partir de restos vexetais (autocompostaxe), así como pola elaboración
de compost mediante miñocas (Vermicompostaxe).


6-A AUTOCOMPOSTAXE.


	A compostaxe xa era practicada na Antigüidade. Dende hai miles de anos os
chineses recolleron e compostaron todas as matérias dos seus xardíns, leiras e
casas.
Despois da 2ª Guerra Mundial descubren-se os abonos químicos e comeza a sua
utilización acompañada da mecanización das actividades agrárias e do uso de
pesticidas.
Recentemente este modelo de producción agrícola intensivo ten-se revelado como
“non sostible”.
	Se dispomos dun pequeño espazo no xardín ou na horta da nosa casa podemos
autocompostar os nosos resíduos e obter así un excelente acondicionador para o
solo que as nosas plantas de seguro agradecerán. Para que poidamos realizar
autocompostaxe podemos facer pilas de resíduos ou ben depositar os mesmos nun
sinxelo compostador caseiro, isto último é preferible para facilitar a
descomposición da matéria orgánica e protexer á pila da desecación e do exceso
de humidade. Tamén podemos protexer as pilas cunha manta vella ou sacos de tela.
	En canto ao tipo de materiais e colocación dos mesmos debemos ter en conta que
para elaborar o compost temos dous tipos de materiais. Por unha banda os
materiais húmidos, ricos en nutrintes como o Nitróxeno. Son os restos de
verduras, cascas dos ovos, pousos do café .
	Por outra banda interveñen materiais secos que son ricos en Carbono. Son as
pólas de árbores e arbustos, follas secas, serrín, viruta e palla. E necesário
esnacar as pólas en fragmentos inferiores a 10 cm para facilitar a sua
degradación.

Cousas a ter en conta durante a autocompostaxe:

Fase termófila: Se o compost está demasiado pegañento e brillante é que ten
demasiada humidade. Nesta situación o exceso de auga despraza ao aire ,
necesário para a vida dos fungos , invertebrados e bactérias aeróbias. Se chegan
a desenvolver-se bactérias anaeróbias poden dar-se malos cheiros. Para
solucionar isto é preciso voltear e airear o compost e quizais engadirlle
materiais secos.
	Tamén pode dar-se o caso contrário ao anterior, cando o compost ten un aspecto
pálido e decolorado tal vez está demasiado seco. Isto pode provocar a
paralización do proceso da compostaxe. Neste caso hai que voltear e humedecer a
pila do compost.

	Estes problemas expostos fan que nos decatemos da grande importáncia de
realizar correctamente a colocación e as cantidades oportunas de materia húmida
e seca.

Fase de maduración: Nesta fase o interior da pila de compost está a entre 20-30
ºC. Esta é unha temperatura ideal para que os fungos e os invertebrados cheguen
á pila de compost e se multipliquen . Hai que voltear a pila de compost polo
menos unha vez cada dous meses o que ocasionará o conseguinte aumento de
temperatura. O volteo tamén se realiza para que se vaian descompoñendo mellor os
laterais da pila que xeralmente tardan máis en degradar-se.
	O compost está maduro cando emite un agradable arrecendo a terra de bosque e
presenta unha estructura en agregados de cor marrón. A maioria das miñocas terán
abandoado nestes intres o compost por falta de alimento.


11 Regras para elaborar un bo compost.

1-Non soterrar nunca o material nun burato, xa que non recibe aire e produce-se
putrefacción e fedor.

2-Non usar xamais un recipiente pechado por todos os lados pois impide a
ventilación.

3-Non facer a pila sobre unha base pavimentada. Necesita estar en contacto coa
terra e os seus seres vivos.

4-Poñer material groso na base da pila ata uns 20 cm de altura. Colocar enriba
material máis fino. Se se engade céspede que sexa moi desmiuzado e murcho.
Coidado ¡Pode haber perigo de podrémia!.

5-Esparexir terra de horta ou algas para favorecer a descomposición.

6-Os refugallos da cociña cubren-se sempre con terra para evitar a aparición de
animais (cans, gatos,etc).

7-Evitar a desecación total da pila. Os microorganismos necesitan humidade.

8-Procurar que a pila non estea demasiado húmida pois non estaria ben aireada e
aparecerian os fedores e a podrémia.

9-As cascas de cebola, os ceboliños, e os pousos de té ou café son ideais para
aumentar o número de miñocas.

10-Mediante a mistura de partes verdes, leñosas e estercos pode lograr-se un
proporción axeitada de Carbono/Nitróxeno, a relacción ideal é de 25-35.

11-Cubrir a pila con follas, palla, sacos de tela ou outros para fomentar o
quecemento da pila e evitar a perda de Nitróxeno. Non empregar plásticos porque
impiden a aireación da pila.


7-A VERMICOMPOSTAXE.

	A vermicompostaxe é un proceso de fabricación do compost no que as miñocas
procesan a matéria orgánica para transformala en humus.
	As miñocas utilizan a matéria orgánica para a sua alimentación, asimilan
darredor dun 40 % do que inxiren, namentres que o 60% restante é transformado en
humus.
	O humus de miñoca é un producto da dixestión destes animais. É un producto moi
estable, imputrescible e non fermentable cun aspecto final semellante ao dos
pousos do café.
	Este humus ten unha altísima carga microbiana, o que protexe ás raices das
plantas doutras bactérias patóxenas e de nemátodos. Ademais dispón de gran
cantidade de oligoelementos e hormonas como o ácido Indol Acético (AIA) ou as
Xiberelinas que facilitan o crecemento das plantas.


8-¿QUÉ TIPO DE RESÍDUOS SE DEBEN AUTOCOMPOSTAR?.



A.Rápida descomposición.

-Follas frescas.
-Restos da sega do céspede.
-Esterco de aves de curral.
-Esterco de ovellas e cabras.
-Restos vexetais non leñosos.

B.Descomposición máis lenta.

-Restos de froitas e verduras.
-Bolsas de té e pousos do café.
-Palla e herba fermentada.
-Estercos pallizos (cabalos e burros).
-Flores vellas e plantas.
-Desbroces de setos xóvenes.
-Vexetais brandos.
-Matogueiras perennes.
-Restos das gaiolas de coellos, hamsters...

C.Descomposición moi lenta.

-Follas do outono.
-Desbroces de setos duros.
-Pólas podadas.
-Serrín e virutas.

D.Outros materiais.

-Cinza de madeira.
-Cartón.
-Toalllas, bolsas, envases (todo de papel).
-Tubos de cartón e cáixas dos ovos.

E.Mellor evitar.

-Restos de carne e pescado.
-Xornais.

F.NON UTILIZAR.

-Cinza de carbón e de coque.
-Excrementos de cans ou gatos.
-Pañais desbotables.
-Revistas ilustradas.


9-BIBLIOGRAFIA.


1-AMIGOS DA TERRA (Friends of the Earth International). Manual básico para hacer
compost, abril 1999.

2-DEL VAL, Alfonso & JIMÉNEZ, Adolfo. “El libro del reciclaje”, 2ª parte: “La
materia orgánica de la basura y el compost”, pp 79-104. Editorial Integral,
Barcelona, 1998.

3-MINISTERIO DE OBRAS PÚBLICAS E URBANISMO. “Boletín de Información del medio
ambiente (BIMA) nº2, Abril-Xuño 1982.

4-NAVAS, César. “Humus de lombriz el mejor fertilizante natural del mundo”.
Lombricultura S.C.I.C., Ecuador, setembro 1998.

5-PÉREZ LOSADA, Carlos. “Desfeitos, lixos, resíduos e outros familiares (III).
Revista Natureza Galega nº 22. pp 39-46.